Friday 10 de May de 2024

A Concellaría de Feiras e Mercados pon en marcha o proceso de solicitude de autorizacións para vender nas feiras


Os/a vendedores/as ambulantes poderán realizar o trámite do 3 ao 30 de novembro, e os/as pequenos/as produtores/as, no mes de decembro

A Concellaría de Feiras e Mercados abre, como todos os anos, o proceso de solicitude de autorizacións para exercer a venda ambulante nas feiras e tamén para a comercialización de produtos da horta por parte de pequenos/as produtores/as do concello e da contorna. Aproveitando o feirón deste domingo realizouse unha campaña informativa entre os/as vendedores/as habituais.

Para as persoas que se dedican á venda ambulante o prazo de solicitude estará aberto entre o 3 e o 30 de novembro. As solicitudes presentaranse preferentemente por vía telemática, acompañando a documentación establecida na Ordenanza reguladora de feiras, mercados e venda ambulante do Concello de Carballo e que se especifica no modelo de solicitude distribuído este domingo. A ordenanza vixente, aprobada o ano pasado, establece algunhas novidades, como a ampliación do período de vixencia das autorizacións ata un máximo de cinco anos ou o pago anual. As tarifas son as mesmas que se veñen aplicando dende o ano 2011.

Tamén hai algunhas novidades que afectan a pequenos/as produtores/as que se achegan ás feiras cos seus excedentes. Neste caso, os/as interesados/as deben formalizar a súa inscrición no censo de vendedores/as non permanentes cubrindo o modelo que pode descargarse máis abaixo, e no que deben indicar que produtos van vender e o lugar de orixe dos mesmos, así como a superficie que van ocupar. A inscrición será anual, pero os pagos realizaranse cada tres meses, segundo o número de feiras ás que asistiran no trimestre anterior. O prazo estará aberto durante todo o mes de decembro.